Plan de Acción Local da Axenda Urbana das Pontes
Un plan con futuro que nos permitirá transformar e mellorar o noso territorio dando forma ao municipio que todas e todos desexamos para o 2030
Axenda Urbana das Pontes
O Concello das Pontes foi seleccionado para a posta en marcha dunha Axenda Urbana en España no marco da financiación outorgada polos fondos Next Generation UE e polo plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia no marco da Axenda Urbana de España. A selección estivo motivada pola traxectoria da nosa localidade na aposta dunha cidade sostible económica e medioambientalmente en resposta aos novos retos que enfrontan as cidades europeas e pola perspectiva de futuro que dirixen a construción dun concello máis sostible.
A través do Plan de Acción da Axenda Urbana, preténdese continuar na liña de converter As Pontes nunha localidade na que se impulse o crecemento económico, o desenvolvemento social e a protección medioambiental e da natureza, servindo de referencia para outras localidades españolas, que desexen apostar por un novo modelo de municipio sostible, accesible, inclusivo e seguro. Todo isto, cabe mencionar, só será posible aproveitando as nosas fortalezas e oportunidades e grazas á implicación e colaboración do importante tecido empresarial e social existente no noso territorio municipal
En que consiste?
A Axenda Urbana das Pontes é unha folla de ruta que permitirá avanzar cara un concello máis sostible, habitable e inclusivo. Para iso o Concello das Pontes puxo en marcha un proceso para deseñar de maneira colectiva esta estratexia a longo prazo, coa que se poida responder axeitadamente a retos e necesidades das persoas, sen deixar a ninguén atrás e coidando o medio ambiente.
Este documento estratéxico, que deberá estar en continua revisión e seguimento coa finalidade de adaptarse aos novos escenarios que vaian xurdindo, contempla unha serie de proxectos e actuacións cos que contribuír aos Obxectivos Estratéxicos definidos no Plan de Acción.
Axenda Urbana Española
A Axenda Urbana Española (AUE) é un documento estratéxico, sen carácter normativo e de adhesión voluntaria, que, de conformidade cos criterios establecidos pola Axenda 2030, a nova Axenda Urbana das Nacións Unidas e a Axenda Urbana para a Unión Europea persegue o logro da sustentabilidade nas políticas de desenvolvemento urbano. Constitúe un método de traballo e un proceso para todos os actores, públicos e privados, que interveñen nas cidades e que buscan un desenvolvemento equitativo, xusto e sostible desde os seus distintos campos de actuación.
As Axendas Urbanas
A participación, peza fundamental
Durante o proceso de elaboración do Plan de Acción da Axenda Urbana das Pontes a participación constituíu unha peza fundamental. Foi clave contar co saber e a colaboración do tecido social, económico e de toda a veciñanza que o desexe, coa finalidade de pensar e decidir conxuntamente como queremos que sexa o noso municipio no ano 2030.
Así, foron desenvolvidas varias accións participativas para que a poboación se implicase e aportase a súa visión sobre o futuro das Pontes, como foron a consulta cidadá ou a celebración de encontros temáticos das Mesas da Axenda Urbana.
Froito deste proceso de participación, foi elaborado o Plan de Acción, o cal podes consultar clicando no seguinte botón
Pero a participación e a gobernanza non se limitan exclusivamente ao proceso de elaboración desta folla de ruta, senón que tamén será imprescindible na súa implantación, seguimento e avaliación