Saltar ao contido

Máis de 250 persoas achegan as súas ideas e propostas ao Plan de Acción da Axenda Urbana das Pontes a través da consulta cidadá

Desde o inicio do proceso de elaboración da Axenda Urbana que está a desenvolver o Concello das Pontes, veñen impulsándose múltiples vías de participación cidadá coa finalidade de garantir a inclusión de todas as perspectivas e voces na identificación de ideas e solucións para facerlles fronte.

Unha destas consistiu nunha consulta cidadá online que estivo habilitada durante parte dos meses de maio e xuño. Ademais, para facilitar a participación daquelas persoas que contan con maiores dificultades e barreiras no acceso ás Tecnoloxías da Información e da Comunicación, desenvolveuse un punto informativo no que se prestou asistencia para a cumprimentación de dita consulta.

Contouse coa participación dun total de 253 persoas nesta consulta. Ademais, cabe destacar que boa parte delas representan a entidades asociativas e empresariais con actuación no municipio das Pontes. Tratábase dunha consulta dirixida non só ás persoas residentes nas Pontes, senón tamén a aqueles que, pese a non residir no municipio, teñen vinculación con el por motivos de estudo ou de traballo principalmente. Neste senso, en torno a un 85% das persoas participantes residían nas Pontes, mentres que un 15% tiña a súa residencia noutros municipios (principalmente, na comarca de Ferrolterra, na área metropolitana da Coruña e na zona occidental de Lugo).

Punto informativo e de apoio para a cumprimentación da consulta cidadá

A continuación, expóñense as principais conclusións e ideas forza que foron detectadas como de maior relevancia na análise da información ofrecida por estas persoas:

  • Un dos principais desafíos que debe afrontar o municipio das Pontes, consiste no reto demográfico, caracterizado por un progresivo envellecemento e perda de poboación.
  • Sendo unha das causas do anterior, enténdese prioritaria a creación de novas oportunidades laborais.
  • Tamén relacionado co eido da economía e o emprego, é fundamental a aposta por unha transición enerxética e industrial no municipio, impulsando novas formas de produción enerxética e unha diversificación do tecido produtivo.
  • Por último, a cidadanía considera necesario dispoñer dunha maior implicación nos procesos de toma de decisións, sendo preciso avanzar cara un modelo de gobernanza multinivel e multisectorial, así como fomentar a participación cidadá.

Coa posta en marcha desta consulta e coas aportacións achegadas polo cidadanía, contribuíuse ao deseño colectivo e colaborativo da diagnose e do Plan de Acción da Axenda Urbana, así como a unha maior adecuación destes coa realidade do municipio e coas necesidades e demandas da súa poboación.