A Axenda Urbana das Pontes desenvolve encontros participativos cos axentes chave do municipio
No marco da posta en marcha do proxecto da Axenda Urbana que se está a desenvolver no Concello das Pontes, foron realizados 3 encontros que contaron cunha ampla diversidade de axentes participantes, indo dende grupos de investigación universitarios, representantes de empresas locais, organismos autonómicos ata as asociación de veciños de varios barrios e parroquias do municipio.
Estas 3 sesións pretenderon, por unha banda, desenvolver unha divulgación deste proceso de desenvolvemento da Axenda Urbana, dando a coñecer o concepto e, en especial, o proceso de diagnose que se está levando a cabo. Por outra parte, serviron como espazo de debate e reflexión, recollendo, así, as aportacións e perspectivas das persoas participantes sobre os retos e as posibles solucións que entenden necesario incluír no Plan de Acción da Axenda Urbana. As sesións xiraron en torno aos obxectivos que se pretenden atender na mesma, sendo agrupados nas seguintes temáticas: “Inclusión, Vivenda e Innovación Social e Dixital”, “Economía, Emprego e Transición Enerxética” e “Medio ambiente, Urbanismo e Territorio”. Estas 3 Mesas foron celebradas os días 14 de xullo, o 21 de xullo e o 22 de xullo, respectivamente, na Casa Dopeso.
Cabe destacar que este proxecto de planificación da Axenda Urbana establécese como unha oportunidade para o municipio para deseñar unha planificación que impulse o desenvolvemento sostible do municipio, permitindo unha mellora social, económica e medioambiental. Así, o Concello das Pontes foi unha das 121 administracións locais seleccionadas polo Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) para ser proxecto piloto no desenvolvemento deste plan de acción, o que lle permite establecerse como un municipio de referencia á vez que pode liderar un cambio de modelo máis sostible, respondendo ás súas problemáticas locais particulares.